A Comarca
A Terra Chá
A Comarca da Terra Chá é unha comarca galega situada na zona norte e interior da provincia de Lugo. É a comarca máis extensa de Galiza con 1822,75 km². No ano 2014 tiña 42.336 habitantes. A paisaxe desta chaira combina frecuentes outeiros coroados na súa maioría por castros -cómpre citar o castro de Viladonga- con agros e pasteiros chans, importantes lagoas como a de Cospeito ou Caque e máis dun cento de ríos e regatos que percorren a comarca.
Pertencen a ela os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade, sendo a súa capital Vilalba.
A Terra Chá pódese definir como unha comarca rural cunha economía de clara vocación agrícola e gandeira. A climatoloxíae os solos permiten que haxa unha importante extensión de parcelas dedicadas a pastos onde se alimentan un gran número de vacas destinadas especialmente á produción láctea contando para iso con modernas explotacións que son, na súa maioría, de carácter familiar pero altamente competitivas. Naqueles lugares da comarca onde a topografía é máis montañosa cobra auxe a gandeiría extensiva, dedicada á produción cárnica e predominando a raza autóctona rubia galega. A flora da comarca da Terra Cha é moi variada incluíndo importantes áreas de carballeiras, soutos e fragas; domina o carballo acompañado por bidueiros, salgueiros, ameneiros, castiñeiros e piñeiros do país.
